Notas para o legado de Man

O encontro do sábado en Camelle foi unha ocasión clara de ver a multitude de enfoques e factores que inflúen no legado e a memoria do traballo e a vida de Man, o alemán de Camelle. Ao longo de todo o día sucedéronse as intervencións de todo tipo: Experiencias persoais en relación con Manfred, lecturas de poemas, estudos realizados, propostas de rehabilitación, música…, unha chea de sinais que nos deixan dúas sensacións: boas intencións para frear o abandono que sufriu o legado de Man estes últimos cinco anos e a necesidade dunha xestión clara e competente que aborde unha situación en principio complexa.

Intervencións no Encontro

Polo momento, varios elementos están claros:

- A creación do centro cultural Casa do Alemán dota a Camelle dun espazo no que conservar o legado de Man, un espazo que haberá que redefinir segundo as necesidades, das que xa se veu algún exemplo na xornada do sábado (problemas de espazo e recursos para un encontro que superou as expectativas de participación).

centro cultural Casa do Alemán

- A verdadeira Casa do Alemán, á beira de peirao, plantexa uns problemas de conservación importantes, xa que toda ela e o seu entorno formaba parte da obra viva de Man, unha obra en transformación permanente. Tanto así, que nos momentos posteriores a que a marea negra cubrise as costa de Camelle, o propio Man declarou que non debería de limparse, para deixar testemuño da vileza do propio ser humano. O deterioro ocasionado polo fuel, os traballos de limpeza, engadidos ao vandalismo e o abandono destes anos obrigan a que a intervención sexa inminente, canto menos para deter o progresivo deterioro. Os criterios para esta intervención tamén foron fonte de debate, para establecer o límite entre a conservación e a reconstrución dos espazos creados por Man.

- O legado de Man componse de moi diversos materiais, algúns recentemente descubertos. Unha tradución dos seus escritos en alemán faise indispensable para abordar o seu pensamento, así como a exposición das aportacións de todos cantos o visitaron en vida e deixaron reflectidos -nas xa famosas libretas que repartía- o seu retrato e as súas impresións. Un exemplo máis da obra de Man como algo en evolución e de múltiples interpretacións.

- A necesidade dunhas liñas que apunten os criterios e as prioridades no traballo a desenvolver, algo que entronca directamente coa creación da Fundación Man, e remite ao proxecto que a principios de ano entregaron ao concello os profesores da Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, Carme Hermo e Antón Sobral, impulsor do Encontro.

- A focalización en Camelle, un territorio agora para sempre ligado á figura do artista, do espazo de traballo doutros artistas vinculados ao Land-Art, despois da celebración do I Encontro de Arte e Natureza, que reuniu a unha vintena de artistas á sombra do recoñecido Nils Udo.

Escultura de Man 

 

Novas relacionadas:

- El País.

- La Opinión.

- La Voz de Galicia.

- El Correo Gallego.

 

 

Deixa unha contestación