O catálogo de monumentos naturais: Pena Corneira

A protección dos espazos naturais de Galicia está regulada pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na que se establecen ata oito réximes de protección diferentes: reservas naturais, parques, monumentos naturais, humidais protexidos, zonas de especial protección dos valores naturais, paisaxes protexidas, espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural.

Concretamente, a declaración de monumento natural busca a protección de espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Inclúense tamén nesta clasificación xacementos paleontolóxicos e formacións xeolóxicas, como é o caso de Pena Corneira; lugares sen a dimensión precisa para ser declarados parques naturais pero coa importancia suficiente para precisar de medidas que salvagarden a súa integridade.

 

Pena Corneira

Tanto a rechamante formación granítica que a conforma coma o bosque que a rodea son abondo para xustificar a declaración, que converte a Pena Corneira no sétimo monumento natural galego, despois da inclusión fai uns meses da Carballa da Rocha, a impresionante árbore próxima ao noso estimado pobo de Congostro, en Rairiz de Veiga.

No ámbito da promoción turística, a nova ten unha doble vertente: desperta a atención mediática por un lugar xa coñecido polos amantes da natureza -por aqui discorre o sendeiro PRG-78 e é destino de escaladores-, e entronca directamente co turismo rural e cultural. Asi e todo, a declaración so avanza o uso que do territorio fagan os visitantes, pero non promove un modelo de xestión que garantize a sostibilidade, que valorize o espazo natural como contribución ao desenvolvemento do territorio. Esas medidas corresponden a unha nova etapa, co desenvolvemento dos chamados “Plans Rectores de Uso e Xestión”, nos que a regulación dos usos turísticos debe quedar establecida.

Deixa unha contestación