Inicio » Novas »

A derradeira lección de Castelao

Hoxe inaugurase no Museo Provincial de Lugo a mostra Castelao. A derradeira lección do mestre, comisariada por Pilar García Negro e Felipe Senén López Gómez. Esta exposición vén a presentar unha revisión da figura de Castelao, coa pretensión de levar a cabo un percorrido vital, no que a arte e literatura se mesturan coas testemuñas gráficas do seu activismo político e a defensa dos intereses de Galicia. O proxecto está conceptualmente presidido pola etapa do golpe militar e a represión e o posterior exilio de Castelao en Bos Aires ata a súa morte en 1950. Deste xeito, o rigor e a seriedade, reflectidos ás veces por tráxicas e expresivas obras do autor, presiden a concepción da mostra e a montaxe expositiva.

Trivium levou a cabo a coordinación externa da exposición, favorecendo a localización e unificación da listaxe de pezas presentes no museo, así como o deseño da montaxe en colaboración con estudo gráfico ta ta ta. Máis de 125 obras compoñen a mostra mesturando óleo, augadas, debuxos, monografías, prensa periódica, ilustracións ou manuscritos autógrafos. Toda estas obras artísticas e documentais proceden fundamentalmente de dúas entidades prestadoras, o Museo de Pontevedra e a Fundación Penzol. Tamén conta con destacadas pezas do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, a Fundación Alexandre Bóveda, o CGAI, e de varios coleccionistas privados. Para o desenvolvemento do proxecto contamos co asesoramento de Xosé Enrique Acuña no proceso de selección e ubicación documental.

Unha vez pechado a listaxe de obras, o noso traballo consistiu na adaptación da idea do comisariado a un guión expositivo físicamente materializado nas salas do museo de Lugo, respetando o eixo central da mostra, que abrangue o período 1936-1950. O obxectivo final foi o de deixar clara a significación histórica, icónica e artística desta figura referente para a contemporaniedade galega. Non se trata dun proxecto organizado cun esquema estrictamente cronolóxico, pero resulta necesario ordenar as diferentes visións que nos ofrece a versatilidade do personaxe, para ir pouco a pouco afondando na súa traxectoria. Deste xeito a obra en parede combínase coa documentación en vitrinas situadas no centro das salas, propoñendo un percorrido circular, dialogando cada vitrina coa obra en parede correspondente a cada unidade temática expositiva. Así camiñamos desde a presentación do personaxe, de xeito máis liviá, cara unha progresiva carga de contidos en relación á súa experiencia vital. Hai tamén materiais singulares como a reproducción das súas auto-caricaturas a tamaño real e asemade unha serie de retratos fotográficos de Castelao que o contextualizan en cada tramo expositivo. O branco e negro dominan estilísticamente a montaxe para promover un maior diálogo coa obra gráfica de Castelao e a súa fonda temática.

Deste xeito preséntase un cadro cronolóxico da súa vida, para descobrir un Castelao novo, nos inicios, como caricaturista, debuxante, ilustrador, influenciado polo modernismo e vangarda, tamén como activo membro dos círculos culturais e artísticos das primeiras décadas do século XX. Progresivamente amosase a un Castelao que difunde os seus debuxos a través dos xornais diarios, chegando a tornarse moi popular no contexto galego coas súas “Cousas da Vida”. Nese avance Castelao toma o lápiz para denunciar a realidade do pobo galego, o abuso de caciquismo, e a necesidade da reivindicación da dignidade e a esencialidade dun pobo, atendendo a razóns históricas, de tradición e lingua propias. Destacase por tanto o seu activismo político, primeiro nas Irmandades da Fala e despois no Partido Galeguista, así como a loita polo Estatuto. O punto de inflexión da mostra márcase co Album Nós, no que Castelao abandona quizáis un faceta máis liviana para comprometerse coa defensa dos intereses galegos, denunciando os esquemas socioeconómicos sostidos polas clases dominantes.

A partir de aquí camiñamos cara a parte da guerra e o exilio, no que as obras de debuxo dos chamados albumes de guerra (Atila en Galicia, Galicia Mártir e Milicianos) son evidente e expresionista testemuña da dor, a traxedia e a aldraxe que supuxo para Castelao e para Galicia o conflicto armado. Nesta parte da exposición atopamos as publicación orixinais dos albumes, así como documentación tan significativa como o Expediente de incautación de Bens a Castelao (1936-1962), no que entre outras cousas, detallanse todo tipo de obxectos e enseres que lle foron sustraídos da súa casa pontevedresa. A cabeza de Alexandre Bóveda, amigo íntimo e compañeiro político, debuxado por Castelao, así como outros debuxos de guerran, ofrecen testemuña desgarradora desta dura situación histórica.

A derradeira parte da mostra a constitúe o exilio de Castelao, as homenaxes e o calor recibido nas Américas, pero tamén a tristura de estar lonxe de Galicia. Debuxos de negros en parede -rememorando a súa estancia previa na Habana e en New York-, comparando a sumisión dos pobos, bailadas e romarías lembrando a terra, comparten espazo cos documentos do exilio e os libros paradigmáticos do autor editados en terras arxentinas, encabezados pola antolóxica obra Sempre en Galiza. Tamén existe unha illa expositiva adicada á famosa obra teatral Os vellos non deben namorarse, na que se atopa a primeira versión realizada antes da guerra, así como a edición da súa publicación en Arxentina, e asemade as carautas, os figuríns e as fotos de Castelao adicadas ao actor Tacholas con motivo da estrea da obra. Finalmente o percorrido remata na sala de audiovisuais con un documental que recolle imaxes do seu exilio, cedido polo CGAI, e a reproducción sonora da súa voz nunha fonopostal precisamente con motivo da estrea dos vellos en Montevideo.

A exposición nos medios:

- El Progreso

- Vieiros

- La Voz de Galicia

- El Correo Gallego

- El País

«« || »»

Deixa o teu comentario...

Comenta aquí abaixo, ou trackback desde a túa páxina. Tamén podes facelo suscribíndote a estes comentarios via RSS.

Por favor, non fagas publicidade nin deixes comentarios que podan faltar ao respeto.

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Podes usar Gravatar. Se aínda non tes o teu, pódelo facer en Gravatar.

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157