AchegARTE, a festa da cultura made in Galiza
Duns anos a esta parte o termo industrias culturais gañou un importante protagonismo dentro das políticas culturais en Galiza. A necesidade de que unha sociedade como a galega conte con estruturas empresariais solventes e fortes, capaces de producir contidos culturais –ao final, discurso cultural propio, de noso- para os diferentes mercados locais e globais semella concitar, por obvia, amplo consenso no noso país, cando menos no plano teórico. Cómpre, coma sempre, analizar despois en base aos feitos e non ás palabras para medir a verosimilitude dos discursos e proclamas que ao respecto se fan desde o campo político e institucional.
Neste sentido, o 2009 foi un ano estraño para as industrias culturais galegas. Comezou coa aprobación da Lei da AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, organismo que seguindo o camiño encetado por Quebec e Cataluña pretendía servir de ferramenta especializada para o desenvolvemento do sector cultural privado, en base á converxencia no mesmo das áreas de cultura, economía, industria e medios de comunicación. O cambio de goberno supuxo un parón no desenvolvemento previsto do Estatuto da AGADIC, un elemento imprescindíbel para que este organismo poda mudar realmente en espazo común das industrias do libro, a música, o audiovisual, as artes visuais e plásticas e as artes escénicas. Do mesmo xeito, se en 2008 se asentaba exitosamente na cidade da Coruña a Feira Galega das Industrias Culturais, denominada Cultur.gal, neste 2009 a Consellaría de Cultura aduciu problemas orzamentarios para continuar co seu financiamento, o cal provocou unha ruptura na traxectoria dun proxecto considerado unanimemente como central para a visibilización social e a profesionalización da produción cultural galega.
Foi xustamente como consecuencia da non celebración do Cultur.gal en 2009 que naceu –en principio para morrer - o AchegARTE, a feira da cultura galega organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña co apoio dun moi importante número de voluntarios e voluntarias (conectados a través das redes sociais dixitais na plataforma Queremos Culturgal), e que vén de ter lugar a pasada fin de semana na cidade herculina. No AchegARTE 2009 reuníronse editoriais, empresas e artistas musicais, compañías de teatro, maxia e danza, asociacións profesionais dos diferentes sectores, medios de comunicación en galego, colectivos en defensa do idioma, etc … así ata sumar un total de 97 entidades dos máis diversos campos da cultura feita en Galiza. O resultado sobre o terreo, andando entre os diferentes stands e escollendo entre a ampla oferta de actividades, foi realmente exitoso e feliz. A nivel organizativo as diferentes actividades desenvolvéronse de forma fluída e áxil, cuestión á que sen dúbida tamén contribuíu unha certa predisposición cooperativa e comprensiva por parte de todos os axentes implicados. Tratábase de mostrar, común e conxuntamente, a vitalidade e riqueza da nosa cultura, e abofé que se conseguiu. No AchegARTE, entre outras moitas actividades, presentáronse o novo libro de Manuel Rivas e o disco da Descarga ao Vivo, mantiveron reunións de traballo -de cara á súa vertebración- músicos, xestores culturais e artistas do ámbito da creación contemporánea, proxectáronse audiovisuais e curtas do país, desenvolvéronse varias dúcias de pequenos concertos musicais e recitais poéticos e nenos e nenas puideron gozar de diferentes obradoiros e talleres. O bo ambiente e a boa vontade foron as características resaltadas por todos os presentes, que en nada notaron –mesmo no que ten a ver coas infraestruturas e a estética deseñada para acondicionar Palexco- - a evidente diferenza orzamentaria entre este evento e a edición do Culturgal de 2008.
Fica agora a dúbida de que acontecerá en 2010. Os diferentes sectores xa anunciaron a súa intención de traballar na constitución dunha Fundación Culturgal para garantir a estabilidade e independencia do proxecto, que necesariamente terá que ser apoiado pola Xunta de Galicia, para alén de, coma este ano e o anterior, pola propia Concellaría de Cultura da Coruña. Depare o futuro o que depare, o AchegARTE demostrou a pasada fin de semana dúas cuestións que convén destacar: a primeira, a capacidade de grande parte da nosa cultura para se articular colectivamente arredor dun proxecto común cando hai quen o encabeza con decisión, vontade construtiva e confianza nas propias forzas; a segunda, que a galega é unha cultura viva, rica e vizosa, enormemente plural e diversa no aspecto creativo e con calidade e vocación universal no que ten a ver coa súa capacidade para conectar cos públicos e cos mercados. Ser diferente é ser existente, en palabras de Vicente Risco, e por iso temos que ofertar ao mundo a nosa singularidade.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»








Deixa o teu comentario...