Bonaval en Rol
Que fan unha ducia de mozos e mozas interrogándose e conspirando entre eles polas salas do Museo do Pobo Galego un sábado pola tarde? Pois xogar a Bonaval en Rol, unha nova proposta -que agardamos que teña continuidade- do Departamento de Educación e Actividades do Museo.

Para a maioría era a primeira experiencia nunha actividade de rol en vivo, un xénero coñecido en Galicia para o gran público pola celebración nos últimos anos de dous multitudinarios xogos: Vampiro: La Mascarada, polas rúas de Compostela e, sobre todo Irmandiños: A Revolta, no entorno do castelo de Monterrei.
O máis interesante da proposta de Bonaval en Rol é que, lonxe de pretender altas cotas de participación e visibilidade, busca darlle un novo enfoque ao achegamento aos espacios tradicionais dun museo. Sobre o papel, a idea ten condicións para funcionar: Un guión ben traballado, tanto na trama -un crime de ecos sobrenaturais nunha vila mariñeira a mediados do s. XIX- coma na súa integración co espazo -os tres grupos de participantes ocupamos as tres salas da planta baixa (o mar, o campo e os oficios, cada unha correpondente ao gremio/confraría asignada: mariñeiros, labregos e artesáns)-.

O gremio dos artesáns debate a súa estratexia.
O resultado final tivo máis de achegamento ao rol que aos contidos etnográficos, botando de menos que os propios elementos do museo puidesen servir ao desenvolvemento da trama. Pero o camiño é claro: Concebir os espazos museísticos como lugares públicos, desacademizados, flexibles, de varios niveis de lectura e, por que non, divertidos.

O bispo de Tui e o fillo do fidalgo xulgan aos dous acusados.
Pódese descarregar a ficha completa do xogo aquí.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...