Crónica da maratón cultural: La Noche en Blanco madrileña
A expectativa da noite en branco anima a tomar as rúas madrileñas cunhas inusitadas ansias culturais á espera de facernos partícipes de accións anovadoras, de propostas sorprendentes, en definitiva á expectativa dun espectáculo sensorial e creativo que encha a mirada de novas visións coas que achegarse á cultura. O recorte orzamentario deste ano debería favorecer o enxeño e a creatividade… pero estes obxectivos non impiden unha sensación de empobrecemento dos actos non de todo compensada pola audacia e a imaxinación. El regalo é a idea que subxace de fondo ao evento deste ano, e deste xeito invitábase a Rafa Doctor, ex director do MUSAC, a exercer como comisario dalgunhas das accións máis densas e reflexivas. A pesar da calidade das mesmas, esta liña de forza para a noite non logra conferirlle unha unicidade e excepcionalidade a todo o programa.

Quizais unha das razóns disuasorias para unha valoración altamente positiva do espectáculo sexa a dificultade de moverse entre a marea humana que toma o centro de Madrid a devandita noite, que na maioría dos momentos non parece ter ningún rumbo fixo. Cara onde iamos todos? O programa era amplo e estimulante, pero imposible cumprir máis dunhas 3-4 paradas; se é doutro xeito a ansiedade apodérase do percorrido persoal e a imposibilidade de asistir a todo o desexado destácase como un feito claro, o que sen dúbida xera a frustración dun tarefa non cumprida. A todo isto se lle engade unha certa inconcreción e erros na programación que entorpecen o minucioso itinerario obviamente preparado con antelación. Non obstante, como mencionaba, hai intervencións de contidos densos, con mensaxe múltiple, que non esquecen a poética como trasfondo e que, sobre todo, se ofrecen como escenarios físicos colectivos nos que exemplificar a solidariedade. Este exemplo é claro no Remixbuildings-Bloodsushibank proxectado por Alicia Framis no Matadero, un auténtico banco de sangue, que é ao tempo un auténtico exercicio espacial para a cooperación social e un ensaio de novas tipoloxías arquitectónicas para usos nos que a humanización dos espazos é crucial. No tocante ao sentimento solidario e humano a Noche Saharaui: La magia del don no Templo de Debod redunda no lema da noite, o regalo, conferíndolle un verdadeiro senso. A opción de achegarse ao Matadero ou ao Templo de Debod exclúe a posibilidade de realizar a visita aos actos do centro da cidade.
A continuación vou dar un repaso do percorrido maratoniano pola noite branca que nunca deixou de estar aderezado por doses de estrés, de sensación de confusión, de comedida sorpresa e tamén dalgún bo rato no que inclúo algo de aprendizaxe.
Despois de pasar en Atocha por diante do Burro Grande de Fernández Sánchez Castillo, ao xeito de touro de Osborne, resulta evidente a reflexión que nos propón sobre o españolito de a pé. Unha vez asisto a unha clase de ximnasia en formato panorámico, opto por apuntarme á terapia urbana disposta no Xardín Botánico, no que un colectivo madrileño fai un alegato ecoloxista a través de tulipas verdes -entre outros elementos escenográficos- que estenden polas rúas e prazas céntricas da cidade; a idea é atractiva pero o efecto lene. Contemplo a continuación unha clase de baile para iniciados no Paseo do Prado. Hai verbena contemporánea en Cibeles a golpe de DJ’s e gogós. Outra máis no Círculo de Bellas Artes; esta é máis de barrio e subliña o evidente ambiente festivo, de rúa, que é o que se pretende. Subo máis tarde pola Gran Vía e atópome coa macroinstalación promocionada polo Xacobeo 2010: obeliscos de cores que irradian o cromatismo cambiante aos contundentes edificios da mítica rúa madrileña; promoción asegurada, impoñente despregue, factura que non sorprende en absoluto. Non dá tempo a ver aos galegos Félix Fernández e Pablo Pérez Sanmartín xunto a outros artistas na performance sobre o Top Manta no barrio de Chueca. Sensación de ansiedade e de estar chegando tarde todo o tempo.

Atravesando as aglomeracións encamíñome cara a rúa da Cruz para ver unha acción visual e sonora do colectivo Niño Viejo titulada “Almas Latentes”, e que amosa a vida privada dos habitantes da cidade a través das ventás dos edificios, as cales son sorteadas para contemplar esas escenas íntimas dos personaxes agora individualizados que habitan as rúas da cidade todos os días e que habitualmente catalogamos como colectividade. O espectáculo é suxerinte, evocador, pero durante unha hora só podemos ver a evolución das horas do día sobre ese edificio que abre os vans cara o que a cidade nos esconde. Deste xeito, teño que voltar nunha hora e media para poder asistir á obra completa. Voume cara un dos epicentros da noite, a Praza Maior; alí atopo colas e colas de xente para poder acadar un globo cunha frase, un desexo, un poema… que obedecen a ese lema do regalo que preside a noite, eses Poemas Voladores son verdadeiramente o exemplo máis evidente –debido ao seu espallamento pola urbe- deste acto. Inciden ao tempo nese idea de terapia urbana que está presente na filosofía que sustenta a iniciativa, neste caso a través das verbas. O mesmo acontece cos puntos de Sanar Madrid onde a través da iniciativa do artista Aitor Saraiba, decenas de debuxantes están a disposición do público para materializar en debuxo os desexos e os soños de cada un de nós. O propósito fantástico, o display morno –cuestión orzamentaria-, a materialización vai da poética ao tedio polas colas interminables para obter o teu debuxo. Son as 2.15 da mañá, as 3.00 é hora de peche de moitas actividades. Vou de novo cara a rúa da Cruz. Remate extenuante.

Á miña volta contemplo un dos maiores éxitos da noite en branco, o de acceder a museos, exposicións e edificios históricos e monumentais en horario de madrugada. O problema é evidente: a imposibilidade de acceder aos mesmos se non se fai máis de media hora de cola.
Na seguinte mañá de resaca cultural e esgotamento físico evidente atopo por fin unha testemuña da noite en branco, por fin acado un globo branco, cuns versos de Lope de Vega que xa non lembro. Finalmente a noite prolóngase grazas a un olvido anónimo. Vexo unha anotación que aparece tamén debaixo do poema: Tú eres lo mejor de la noche en blanco. Mañana te invito a un café? Móvil: 677… Penso que é un bonito final en branco, ou non?
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...