Inicio » Novas »

Cultura e emprego. Buscando novos modelos

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural presentouse publicamente o pasado mércores, na fermosa Biblioteca do Consello da Cultura Galega, cunha acción formativa que xiraba arredor do papel da cultura como elemento xerador de emprego. Cómpre saudar a vertebración dos responsábeis técnicos da xestión cultural en Galiza, unha figura que xoga un papel central no desenvolvemento das políticas culturais dos seus municipios e que os converte, na prática, en verdadeiros mediadores entre a actividade creadora dos nosos artistas e a cidadanía, por un lado, e en referente local no ámbito da dinamización cultural, por outro.

A estrea do colectivo tivo, xa que logo, un tanto de presentación e de escusa –recoñecida polos organizadores- para afortalar a articulación deste ámbito profesional. Mais, para alén disto, o tema en cuestión que concitou aos asistentes até encher o aforo do espazo era en por si de interese manifesto. Semella o actual, en efecto, un momento propicio para debater sobre cultura e emprego, e sobre como e de que formas se pode falar de xeración de emprego desde o ámbito cultural. Como se indicou no acto, a actual crise económica que padecemos é tamén, ou quizais sobretodo, unha crise cultural, a crise dun modelo de sociedade determinado –o neoliberalismo- e dos valores que o fixeron medrar. Non por acaso moitos autores están analizando xustamente a crise neses termos, e plantexándoa como unha oportunidade para transitar cara modelos sociais máis colectivos, máis solidarios, máis respectuosos coa nosa contorna humana e medioambiental e necesariamente tamén máis xustos. A cultura é -antes ca outra cousa- creación de valores, de civismo, e nese sentido pode e debe axudar a construír eses modelos sociais distintos dos que falabamos.

A partir deste plantexamento os presentadores da acción formativa explicaron a súa visión en canto profesionais da xestión cultural como “ampla e comprometida coa realidade social, fuxindo dunha posición meramente técnica ou pretendidamente aséptica do que é o noso labor profesional”. A realidade social hoxe é a fin da época do ladrillo, os problemas graves de desemprego, a necesidade de camiñar cara un novo modelo de economía. Máis que nunca, polo tanto, “é o momento da educación, do I + D e da cultura, aínda que xustamente sexan as áreas que máis se resinten orzamentariamente en tempos de crise”.

O feito de que a xornada estivese organizada en colaboración con Sinerxia, a Federación Galega de Cooperativas, fixo que se profundase unicamente nesa fórmula como modelo para a xeración de emprego desde a cultura. A participación dos asistentes, porén, fixo que o interese e a pluralidade de visións se mantivese a partir das intervencións das tres relatoras (PILAR LÓPEZ ALVES, responsábel de Sinerxia, MARÍA DEL MAR OSUNA VARGAS, experta andaluza que contou a e traballo aló realizados e DORES TORRADO, concelleira de Desenvolvemento Económico e Xuventude do Concello de Boiro, que explicou a experiencia de creación de cooperativas culturais neste municipio).

«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»

Deixa o teu comentario...

Comenta aquí abaixo, ou trackback desde a túa páxina. Tamén podes facelo suscribíndote a estes comentarios via RSS.

Por favor, non fagas publicidade nin deixes comentarios que podan faltar ao respeto.

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Podes usar Gravatar. Se aínda non tes o teu, pódelo facer en Gravatar.

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157