Inicio » Novas »

Ecos de FITUR

Durante os días 20 a 24 de xaneiro celebrouse en Madrid a trixésima edición da Feira Internacional de Turismo FITUR. Os resultados económicos do ano 2009 estaban na boca de todos e foron centro tanto de debates institucionais e foros especializados coma de charlas informais. A crise deixaba a súa pegada na superficie contratada, que descendía dos 87.000 aos 70.000 metros cadrados, e deste xeito os pavillóns para a celebración da Feira pasaban de 14 a 12. Asemade moitos expositores decidiron repetir o “stand” do ano pasado, e mesmo renunciar a un espazo propio. Especialmente rechamantes foron as ausencias de xigantes do sector como Iberia ou Barceló, que directamente non acudiron á cita anual. Por primeira vez desde fai cinco ano -tempo que levamos en Trivium indo á feira- foron palpables no pavillón 9 os espazos baleiros, que describían mellor que ningunha crónica a realidade do que está acontecendo.

Con todo, e a pesares do 10% de caída no número de profesionais rexistrados na feira, FITUR segue a ser o lugar de encontro con maiúsculas entre profesionais e axentes do sector. Neste senso a orientación xeral cara ao negocio resultou notablemente relevante. Moitas reunións de traballo e axendas cheas de citas; deseño de produtos, ideas e propostas de actividades para os destinos, que terán a súa continuidade nos próximos meses e que, se cadra, cristalizarán en realidades tanxibles.

Galicia presentou un stand cunha grande praza central e moita luz. A textura do chan, unha alfombra entre cor area e branca, quería imitar as praias galegas e invitaba a pasar cara dentro, non como outros anos nos que o negro era a cor central do stand. Unhas vieiras de plástico asomábanse por todo o espazo e cargaban de máis, posiblemente, a escenografía que era limpa e elegante en liñas xerais. O simulador do camiño, a máquina de retratos e a “cata” de oito augas galegas eran elementos visuais e interactivos nos que o público animábase a participar de bo agrado. Polo demais, os destinos e os axentes estaban perfectamente distribuídos e accedíase á información que o usuario quixese de xeito sinxelo. A sala de prensa funcionaba correctamente para transmitir e comunicar; con capacidade, medios técnicos e adaptándose ás necesidades que cada presentación requiría. Un total de dezaseis actos se celebraron nela, nos que presentaron produtos de interese clientes nosos como o Plan de Mellora da Calidade Turística Terras do Ulla e Tambre, a Mancomunidade de Municipios da Ría Norte de Arousa, ou o Plan de Dinamización Turística de Ferrol Ortegal, entre outros.

Para alén do stand galego cómpre referírmonos ao stand de Euskadi, que foi toda unha agradábel sorpresa. O corpo central estaba composto por unha infinidade de maletas abertas que tiñan fotos retro-iluminadas e sinalaban os produtos turísticos e as marcas vascas máis relevantes. O xogo conceptual repetíase noutras partes dun espazo totalmente diáfano, onde as maletas colocábanse de cinco en cinco e amosaban vídeos de paisaxes e lugares do destino.

Fitur, con crise ou sen ela, é un lugar onde hai que estar, falar, propoñer, coñecer e aprender. O ano que ven repetiremos participación.

«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»

Deixa o teu comentario...

Comenta aquí abaixo, ou trackback desde a túa páxina. Tamén podes facelo suscribíndote a estes comentarios via RSS.

Por favor, non fagas publicidade nin deixes comentarios que podan faltar ao respeto.

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Podes usar Gravatar. Se aínda non tes o teu, pódelo facer en Gravatar.

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157