Inicio » Novas
Trivium Blog
25 Mai 2010 | Publicado por: Verónica |Sen Comentarios |

O pasado 18 de maio tivo lugar no CEI NODUS (Centro de Empresas e Innovación) dependente da Concellaría de Economía e Emprego do Concello de Lugo, a I Xuntanza de Empresas de Patrimonio Cultural e Turismo. TRIVIUM participou activamente como poñente nesta convocatoria, xunto a outras empresas do sector como Etnoga, Alicerce, dehistoria, Meigalicia e a catalana Ingeniería Cultural, incluindo a intervención de Francisco Rey, coordinador de museos científicos da Coruña.

O obxectivo desta actividade era o de difundir a práctica empresarial da xestión cultural en Galicia, dar a coñecer as iniciativas emprendedoras neste senso, e sobre todo servir de formación aos alumnos en prácticas do centro, que están poñendo en marcha empresas simuladas coa fin de materializar algún día un proxecto empresarial propio. En torno a dúas mesas redondas púxose en común e a debate temas como o arquivo, inventario e catalogación do Patrimonio e o estado da xestión da cultura e o turismo en Galicia desde o noso punto de vista como axentes culturais. Especialmente se fixo incidencia nas dificultades de montar este tipo de empresas e sobre todo de cómo sobrevivir no sector; tamén se subliñaron as grandes posibilidades da explotación cultural, patrimonial e turística do noso territorio.

Supuxo á vez unha xuntanza case histórica, dada a escasez deste tipo de achegamentos entre as empresas do medio, analizando frente a frente problemáticas e circunstancias comúns. Na reunión aportouse unha visión crítica pero sempre cun ánimo de positividade de cara a un futuro, dada as innovacións tecnolóxicas que se poden aplicar á interpretación dos recursos turísticos-culturais e ás novas vías de experimentación dos mesmos. Unha reflexión final é que pode e debe haber espazo para os que estamos e os que veñan, sempre coa máxima da renovación e a creatividade aplicada aos proxectos que desenvolvamos, procurando un lugar común no que o sector privado se interrelacione sen depender en exceso da empresa pública.

13 Mai 2010 | Publicado por: Xavier |Sen Comentarios |

O Concello de Vigo neste 17 de maio e os de Pontevedra, Marín e Poio, para despois do verán, impulsaron o deseño e produción da exposición O galego, tamén noutros mundos, da que fomos felices e orgullosos facedores en Trivium. A exposición consta de 4 módulos de tres paneis cada un, premeditadamente moi sinxelos e manexábeis, o que vai facilitar a súa itinerancia por centros sociais, centros de ensino, locais asociativos, etc

O concepto da mesma é a dimensión internacional, actual e útil do galego como lingua de comunicación e relación con outras culturas. Deste xeito, os paneis percorren desde a época de esplendor medieval das cantigas á actualidade máis próxima, protagonizada polas novas tecnoloxías e soportes. Ao longo dos doce paneis podemos achegarnos a temáticas diversas: o galego no mundo, a tradución directa e inversa, a emigración e o exilio, o estudo da lingua fóra de Galicia, o éxito internacional dos nosos creadores, os escritores alófonos, o galego como lingua dos que veñen doutros países para o noso, …

Trátase, en definitiva, de trasladar datos e coñecementos que moi posiblemente boa parte dos visitantes da exposición descoñezan de inicio, e contribuír así a rachar tópicos arredor da nosa lingua. Non todo o mundo sabe, por exemplo, que a primeira lingua peninsular na que se puideron ler anacos do Ulises de Joyce foi a nosa. Ou que en Asia e Africa tamén se fala galego. Ou que na Idade Media, mentres o inglés perdía usos e prestixio, o galego era lingua culta e literaria mesmo para reis de fóra do noso Reino. Ou que Lorca ou Carles Riba pertencen tamén á nosa literatura.

Para todas aquelas persoas interesadas en descubrir todos os mundos que abre a nosa lingua creamos unha páxina en Facebook, que permite interactuar de diversas maneiras e, ao tempo, manterse informados e informadas dos espazos onde é visitábel.

7 Mai 2010 | Publicado por: Verónica |Sen Comentarios |

Estado do arquivo antes dos traballos de reorganización e informatización.


Acabamos de rematar a primeira fase da reorganización do arquivo administrativo de Portos de Galicia na súa sede da Coruña. O noso equipo moveuse estes últimos tres meses entre innumerables caixas arquivadoras da documentación producida por esta institución, procedendo a trasladar, ordenar e informatizar todo este continxente documental na nova sala habilitada para o arquivo. O traballo foi minucioso, intensivo e á vez un reto: aínda aplicando criterios de arquivística profesional atopámonos cunha clasificación documental interna deste organismo que houbo que coñecer detalladamente para describir e agrupar con extrema concreción.

A nivel técnico deseñamos unha nova base de datos informática, tomando como referencia a existente en Portos, refundindo unha informatización previa de datos, que aportou novos contidos e ferramentas para a mellorar a eficacia na busca e localización dos proxectos arquivados. O traballo consistiu en seleccionar, agrupar, informatizar e colocar centos de proxectos de obras procedentes do arquivos de Santiago e da Zona Centro (provincia da Coruña), depositados na sede coruñesa de Portos. Agora esta documentación está custodiada en novas caixas arquivadoras correctamente etiquetadas e descritas na base de datos para poder localizalas e consultalas sen problemas.

A partir deste momento estamos preparando a segunda fase, traballando con outros cadros de clasificación temática (concesións, autorizacións e outros) da documentación aínda por ordenar, que consistirá nun proceso similar ao executado neste tempo.

14 Abr 2010 | Publicado por: Verónica |Sen Comentarios |

Hoxe inaugurase no Museo Provincial de Lugo a mostra Castelao. A derradeira lección do mestre, comisariada por Pilar García Negro e Felipe Senén López Gómez. Esta exposición vén a presentar unha revisión da figura de Castelao, coa pretensión de levar a cabo un percorrido vital, no que a arte e literatura se mesturan coas testemuñas gráficas do seu activismo político e a defensa dos intereses de Galicia. O proxecto está conceptualmente presidido pola etapa do golpe militar e a represión e o posterior exilio de Castelao en Bos Aires ata a súa morte en 1950. Deste xeito, o rigor e a seriedade, reflectidos ás veces por tráxicas e expresivas obras do autor, presiden a concepción da mostra e a montaxe expositiva.

Trivium levou a cabo a coordinación externa da exposición, favorecendo a localización e unificación da listaxe de pezas presentes no museo, así como o deseño da montaxe en colaboración con estudo gráfico ta ta ta. Máis de 125 obras compoñen a mostra mesturando óleo, augadas, debuxos, monografías, prensa periódica, ilustracións ou manuscritos autógrafos. Toda estas obras artísticas e documentais proceden fundamentalmente de dúas entidades prestadoras, o Museo de Pontevedra e a Fundación Penzol. Tamén conta con destacadas pezas do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, a Fundación Alexandre Bóveda, o CGAI, e de varios coleccionistas privados. Para o desenvolvemento do proxecto contamos co asesoramento de Xosé Enrique Acuña no proceso de selección e ubicación documental.

Seguir lendo…

1 Mar 2010 | Publicado por: Alex |Sen Comentarios |

Cando menos, as ideas non están en crise. Iso é algo no que, sen dúbida, acredita a xente de A_túa, creación e produción artística. De xeito consciente e valente, autodenomínanse empresa e colectivo artístico, para non negarse a sí mesmos nin ocultarlle ao público ningunha das dúas realidades. Despois dunhas semanas nas que desde Trivium nos adicamos a difundir o evento de presentación de A_túa, este venres pasado tivo lugar en Factoría Compostela a chamada Acción Rosa, unha festa-exposición na que mostrar as súas armas, que eles resumen na chamada máquina de crear.
Seguir lendo…

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157