Inicio » Novas
Novas
1 Feb 2010 | Publicado por: César |Sen Comentarios |

Durante os días 20 a 24 de xaneiro celebrouse en Madrid a trixésima edición da Feira Internacional de Turismo FITUR. Os resultados económicos do ano 2009 estaban na boca de todos e foron centro tanto de debates institucionais e foros especializados coma de charlas informais. A crise deixaba a súa pegada na superficie contratada, que descendía dos 87.000 aos 70.000 metros cadrados, e deste xeito os pavillóns para a celebración da Feira pasaban de 14 a 12. Asemade moitos expositores decidiron repetir o “stand” do ano pasado, e mesmo renunciar a un espazo propio. Especialmente rechamantes foron as ausencias de xigantes do sector como Iberia ou Barceló, que directamente non acudiron á cita anual. Por primeira vez desde fai cinco ano -tempo que levamos en Trivium indo á feira- foron palpables no pavillón 9 os espazos baleiros, que describían mellor que ningunha crónica a realidade do que está acontecendo.

Seguir lendo »

27 Xan 2010 | Publicado por: Xavier |Sen Comentarios |

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural presentouse publicamente o pasado mércores, na fermosa Biblioteca do Consello da Cultura Galega, cunha acción formativa que xiraba arredor do papel da cultura como elemento xerador de emprego. Cómpre saudar a vertebración dos responsábeis técnicos da xestión cultural en Galiza, unha figura que xoga un papel central no desenvolvemento das políticas culturais dos seus municipios e que os converte, na prática, en verdadeiros mediadores entre a actividade creadora dos nosos artistas e a cidadanía, por un lado, e en referente local no ámbito da dinamización cultural, por outro.

A estrea do colectivo tivo, xa que logo, un tanto de presentación e de escusa –recoñecida polos organizadores- para afortalar a articulación deste ámbito profesional. Mais, para alén disto, o tema en cuestión que concitou aos asistentes até encher o aforo do espazo era en por si de interese manifesto. Semella o actual, en efecto, un momento propicio para debater sobre cultura e emprego, e sobre como e de que formas se pode falar de xeración de emprego desde o ámbito cultural. Como se indicou no acto, a actual crise económica que padecemos é tamén, ou quizais sobretodo, unha crise cultural, a crise dun modelo de sociedade determinado –o neoliberalismo- e dos valores que o fixeron medrar. Non por acaso moitos autores están analizando xustamente a crise neses termos, e plantexándoa como unha oportunidade para transitar cara modelos sociais máis colectivos, máis solidarios, máis respectuosos coa nosa contorna humana e medioambiental e necesariamente tamén máis xustos. A cultura é -antes ca outra cousa- creación de valores, de civismo, e nese sentido pode e debe axudar a construír eses modelos sociais distintos dos que falabamos.

A partir deste plantexamento os presentadores da acción formativa explicaron a súa visión en canto profesionais da xestión cultural como “ampla e comprometida coa realidade social, fuxindo dunha posición meramente técnica ou pretendidamente aséptica do que é o noso labor profesional”. A realidade social hoxe é a fin da época do ladrillo, os problemas graves de desemprego, a necesidade de camiñar cara un novo modelo de economía. Máis que nunca, polo tanto, “é o momento da educación, do I + D e da cultura, aínda que xustamente sexan as áreas que máis se resinten orzamentariamente en tempos de crise”.

O feito de que a xornada estivese organizada en colaboración con Sinerxia, a Federación Galega de Cooperativas, fixo que se profundase unicamente nesa fórmula como modelo para a xeración de emprego desde a cultura. A participación dos asistentes, porén, fixo que o interese e a pluralidade de visións se mantivese a partir das intervencións das tres relatoras (PILAR LÓPEZ ALVES, responsábel de Sinerxia, MARÍA DEL MAR OSUNA VARGAS, experta andaluza que contou a e traballo aló realizados e DORES TORRADO, concelleira de Desenvolvemento Económico e Xuventude do Concello de Boiro, que explicou a experiencia de creación de cooperativas culturais neste municipio).

14 Dec 2009 | Publicado por: Alex |Sen Comentarios |

viladonga01

Ao longo destas últimas semanas, levamos pasado moitas veces pola estrada de Lugo a Meira, camiño da Pontenova, e sempre nos quedaba a espiña de non poder facer unha parada no castro de Viladonga. E ben paga a pena facelo. Tivo que ser Manuel Gago o que nos dera a excusa ideal, coa súa convocatoria aberta para participar nunha grande fotografía colectiva para o proxecto Ao pé do lar: Memorias da cociña. Paga a pena pola espectacularidade do propio enclave do castro e polos traballos de estudo e conservación que se seguen a manter -alí estaba tamén Felipe Arias, director do Museo contiguo ao xacemento e das campañas de escavación desde fai máis de 25 anos-. E, máis que nada pagou a pena pola experiencia compartida, onde os de “fóra” eramos os menos e as vivendas e espazos do castro se ocupaban de novo cos veciños e veciñas de Castro de Rei.
Seguir lendo »

2 Dec 2009 | Publicado por: Xavier |Sen Comentarios |

cartaz_achegarte

Duns anos a esta parte o termo industrias culturais gañou un importante protagonismo dentro das políticas culturais en Galiza. A necesidade de que unha sociedade como a galega conte con estruturas empresariais solventes e fortes, capaces de producir contidos culturais  –ao final, discurso cultural propio, de noso- para os diferentes mercados locais e globais semella concitar, por obvia, amplo consenso no noso país, cando menos no plano teórico. Cómpre, coma sempre, analizar despois en base aos feitos e non ás palabras para medir a verosimilitude dos discursos e proclamas que ao respecto se fan desde o campo político e institucional.

Seguir lendo »

16 Nov 2009 | Publicado por: Verónica |Sen Comentarios |

Durante os próximos dous meses Trivium vai desenvolver unha nova campaña do Inventario de Bens Mobles do patrimonio histórico en posesión de Institucións Eclesiásticas. A execución deste proxecto é o resultado de gañar a adxudicación do concurso licitado pola Consellería de Cultura e Turismo, froito dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia. O traballo do inventario céntrase nesta campaña na Diócese de Mondoñedo-Ferrol, como parte dun extenso traballo que se leva facendo durante máis de dúas décadas e avanza progresivamente pola xeografía galega.

catalogacion_retablo1
Retablo maior de San Estevo de Parga (Guitiriz)

As tarefas deste inventario divídense en dúas fases importantes: o percorrido polas parroquias seleccionadas, o que chamamos “traballo de campo”, no que nos achegamos a recabar datos na desigual realidade artística das parroquias de Galicia, e a informatización de todo o recollido nunha base de datos que une fichas de traballo coa dixitalización das imaxes asociadas aos recursos inventariados. Seguir lendo »

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157