Inicio » Novas
Novas
22 Abr 2008 | Publicado por: admin |Un Comentario |

Rematados os traballos de investigación e redacción, o concello da Guarda presentou aos medios o Plan Director de Turismo, realizado polos técnicos de Trivium. Un documento preciso para a planificación estratéxica do sector nun concello que alberga un dos recursos máis visitados de Galicia, como é o monte de Sta. Trega, pero que precisa dun empuxe definitivo para se consolidar como destino e mellorar a calidade dos seus servizos.

Presentación Plan Director A Guarda

O informe presentado parte dun diagnóstico exhaustivo da oferta e da demanda, despois da cal se recollen todos os programas básicos de actuación e as accións estratéxicas a levar a cabo, analizadas e clasificadas segundo a fase na que se deben desenvolver, os axentes implicados e a achega orzamentaria necesaria para a súa execución.

As liñas básicas de actuación están orientadas á mellora do producto turístico de A Guarda, a posta en valor dos recursos infrautilizadose e a consecución dun salto cualitativo na xestión e organización do sector.

Gráfico A Guarda

 Así o recollen en:

 - Inforosal.com

 - Faro de Vigo

21 Abr 2008 | Publicado por: admin |Sen Comentarios |

Entre mobles, arquivos e caixas de cartón, estes días están a ser moi atarefados mentres nos instalamos no noso novo estudio. Iso si, sen abandonar o corazón do casco histórico compostelán, un espazo único no que traballar e no que vivir. Agora estamos na rúa do Vilar, 46. Tras da porta do segundo á dereita seguimos a por en marcha os nosos proxectos. Todos sodes benvidos e benvidas.

Rúa do Vilar 46

16 Abr 2008 | Publicado por: admin |Sen Comentarios |

Os visitantes que se acheguen ao concello de Teo poden percorrer o territorio polo que os 3.000 homes que comandaba o xeneral Solís avanzaron ata se enfrontar co exército nacional no alto de Montouto. Estamos en abril de 1846, e o pronunciamento contra o conservadurismo do Estado comezado en Lugo vai chegar ao seu punto de inflexión neste escenario. A desigualdade das forzas enfrontadas faría fracasar o alzamento e concluiría co repregamento a Compostela e detención dos instigadores nun primeiro momento e coa súa execución en Carral tras dun xuizo sumarísimo.

Panel da Batalla de Cacheiras

 

Co deseño e sinalización deste roteiro dáselle un novo pulo á reivindicación dun feito histórico que acadou grande importancia entre os intelectuais precursores do galegismo. O propio Murguía foi testemuño directo da fin da revolta en Compostela desde a súa casa no Cantón de San Bieito, a uns metros de onde escribimos estas liñas.

Actualización 24 de abril:

Onte cumpríanse 162 anos da batalla, data escollida polo concello de Teo para inaugurar a sinalización do roteiro da mellor maneira posible, facendo o percorrido cun grupo de escolares de Cacheiras e Carral.

Podese ler a noticia en:

- El Correo Gallego

- La Voz de Galicia

27 Dec 2007 | Publicado por: admin |Sen Comentarios |

A protección dos espazos naturais de Galicia está regulada pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na que se establecen ata oito réximes de protección diferentes: reservas naturais, parques, monumentos naturais, humidais protexidos, zonas de especial protección dos valores naturais, paisaxes protexidas, espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural.

Concretamente, a declaración de monumento natural busca a protección de espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Inclúense tamén nesta clasificación xacementos paleontolóxicos e formacións xeolóxicas, como é o caso de Pena Corneira; lugares sen a dimensión precisa para ser declarados parques naturais pero coa importancia suficiente para precisar de medidas que salvagarden a súa integridade.

 

Pena Corneira

Tanto a rechamante formación granítica que a conforma coma o bosque que a rodea son abondo para xustificar a declaración, que converte a Pena Corneira no sétimo monumento natural galego, despois da inclusión fai uns meses da Carballa da Rocha, a impresionante árbore próxima ao noso estimado pobo de Congostro, en Rairiz de Veiga.

No ámbito da promoción turística, a nova ten unha doble vertente: desperta a atención mediática por un lugar xa coñecido polos amantes da natureza -por aqui discorre o sendeiro PRG-78 e é destino de escaladores-, e entronca directamente co turismo rural e cultural. Asi e todo, a declaración so avanza o uso que do territorio fagan os visitantes, pero non promove un modelo de xestión que garantize a sostibilidade, que valorize o espazo natural como contribución ao desenvolvemento do territorio. Esas medidas corresponden a unha nova etapa, co desenvolvemento dos chamados “Plans Rectores de Uso e Xestión”, nos que a regulación dos usos turísticos debe quedar establecida.

27 Nov 2007 | Publicado por: admin |Sen Comentarios |

Xa fai uns meses tivemos a ocasión de descubrir o primeiro exemplar da colección Itinerarios Histórico-Musicais editada por Ouvirmos, que nos achegou á historia musical da cidade de Pontevedra. Nestes días presentáronse os seguintes exemplares da serie, correspondentes ás vilas de Celanova, Mondoñedo e Rianxo.

Queremos reseñar esta iniciativa por varias razóns, aínda que a principal é a de destacar a creación dun produto editorial que sabe combinar á perfección varios elementos:

  • A vinculación ao territorio, ao patrimonio arquitectónico e cultural de cada unha das vilas, e, por extensión, á promoción do turismo cultural de cada unha delas.
  • O deseño real dunha proposta de percorrido, documentado e sinalizado, que fai da guía un instrumento vivo que amplifica a experiencia do visitante.
  • A difusión da investigación histórica nun campo, o do patrimonio musical galego, de grande importancia e moi pouco coñecido.
  • Un formato, o Libro-CD, coidado, atractivo e moi práctico para calquera non iniciado na musicografía., no que se inclúen gravacións e guías de escoita de pezas nalgúns casos inéditas.

A serie continuará coas guías de Monforte, Compostela, A Coruña, Ribadavia, Ferrol, Betanzos, Lugo, Tui, Ourense, Vigo e Muros-Noia, co que teremos unha visión ampla da riqueza do patrimonio musical galego, desde as liturxias barrocas á música tradicional.

Enlaces relacionados:

trivium@triviumect.com | Preguntoiro 9 - 1E - 15704 Santiago de Compostela | 981 570 157