O arquivo de Portos de Galicia. Poñendo orde
Estado do arquivo antes dos traballos de reorganización e informatización.
Acabamos de rematar a primeira fase da reorganización do arquivo administrativo de Portos de Galicia na súa sede da Coruña. O noso equipo moveuse estes últimos tres meses entre innumerables caixas arquivadoras da documentación producida por esta institución, procedendo a trasladar, ordenar e informatizar todo este continxente documental na nova sala habilitada para o arquivo. O traballo foi minucioso, intensivo e á vez un reto: aínda aplicando criterios de arquivística profesional atopámonos cunha clasificación documental interna deste organismo que houbo que coñecer detalladamente para describir e agrupar con extrema concreción.
A nivel técnico deseñamos unha nova base de datos informática, tomando como referencia a existente en Portos, refundindo unha informatización previa de datos, que aportou novos contidos e ferramentas para a mellorar a eficacia na busca e localización dos proxectos arquivados. O traballo consistiu en seleccionar, agrupar, informatizar e colocar centos de proxectos de obras procedentes do arquivos de Santiago e da Zona Centro (provincia da Coruña), depositados na sede coruñesa de Portos. Agora esta documentación está custodiada en novas caixas arquivadoras correctamente etiquetadas e descritas na base de datos para poder localizalas e consultalas sen problemas.
A partir deste momento estamos preparando a segunda fase, traballando con outros cadros de clasificación temática (concesións, autorizacións e outros) da documentación aínda por ordenar, que consistirá nun proceso similar ao executado neste tempo.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...