o Galego, tamén noutros mundos

O Concello de Vigo neste 17 de maio e os de Pontevedra, Marín e Poio, para despois do verán, impulsaron o deseño e produción da exposición O galego, tamén noutros mundos, da que fomos felices e orgullosos facedores en Trivium. A exposición consta de 4 módulos de tres paneis cada un, premeditadamente moi sinxelos e manexábeis, o que vai facilitar a súa itinerancia por centros sociais, centros de ensino, locais asociativos, etc
O concepto da mesma é a dimensión internacional, actual e útil do galego como lingua de comunicación e relación con outras culturas. Deste xeito, os paneis percorren desde a época de esplendor medieval das cantigas á actualidade máis próxima, protagonizada polas novas tecnoloxías e soportes. Ao longo dos doce paneis podemos achegarnos a temáticas diversas: o galego no mundo, a tradución directa e inversa, a emigración e o exilio, o estudo da lingua fóra de Galicia, o éxito internacional dos nosos creadores, os escritores alófonos, o galego como lingua dos que veñen doutros países para o noso, …
Trátase, en definitiva, de trasladar datos e coñecementos que moi posiblemente boa parte dos visitantes da exposición descoñezan de inicio, e contribuír así a rachar tópicos arredor da nosa lingua. Non todo o mundo sabe, por exemplo, que a primeira lingua peninsular na que se puideron ler anacos do Ulises de Joyce foi a nosa. Ou que en Asia e Africa tamén se fala galego. Ou que na Idade Media, mentres o inglés perdía usos e prestixio, o galego era lingua culta e literaria mesmo para reis de fóra do noso Reino. Ou que Lorca ou Carles Riba pertencen tamén á nosa literatura.
Para todas aquelas persoas interesadas en descubrir todos os mundos que abre a nosa lingua creamos unha páxina en Facebook, que permite interactuar de diversas maneiras e, ao tempo, manterse informados e informadas dos espazos onde é visitábel.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...