Seminario de Turismo e novas tecnoloxías
Trivium participou este pasado 17 e 19 de outubro neste encontro no que se deron a coñecer algunhas experiencias de aplicación de ferramentas tecnolóxicas no eido do turismo. Durante a primeira xornada, a variedade de propostas foi bastante ampla, comezando polo modelo de funcionamento e xestión dalgunhas webs públicas (Turgalicia, Segitur, Murcia Turística), todas elas imaxe final dun longo traballo previo, e seguindo por unha mostra de exemplos prácticos: As solucións cartográficas que se realizan desde o SITGA, a aplicación de entornos 3D, o deseño de rutas rurais mediante o apoio de navegadores GPS, … Unha conclusión que se extraía durante o coloquio deixaba patente como as empresas van un paso por diante da administración, achegando propostas e aportando solucións.

A segunda xornada, máis enfocada a definir liñas prácticas de traballo para o deseño e o posicionamento web, contou coas aportacións e experiencias de Sol Meliá, GaliciaBanner e da división de Turismo de Google, asi como das indicacións para crear unha web turística de calidade aportadas por Manuel Gago, director de culturagalega.org. Desde aqui recomendamos o seu blog, no que se pode atopar a súa presentación. Na segunda sesión da mañá, o Subdirector Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Rafael Juanatey, e Daniel Cerqueiro, xerente de Galinus e habitual colaborador de Trivium, expuxeron varias ideas claves a ter en conta á hora de afrontar a contratación dunha web turística, cun modelo de diálogo continuo entre o contratante e a empresa contratada e seguindo os criterios de usabilidade e accesibilidade.
Precisamente, unha das liñas que definen o traballo de Trivium é a da aplicación das TIC nos eidos turístico e cultural, por iso nos congratulamos de que eventos coma este acheguen a empresas e administración ferramentas innovadoras axeitadas ao ciclo vital que o sector está a vivir na actualidade.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...