Unha posta en común do noso sector

O pasado 18 de maio tivo lugar no CEI NODUS (Centro de Empresas e Innovación) dependente da Concellaría de Economía e Emprego do Concello de Lugo, a I Xuntanza de Empresas de Patrimonio Cultural e Turismo. TRIVIUM participou activamente como poñente nesta convocatoria, xunto a outras empresas do sector como Etnoga, Alicerce, dehistoria, Meigalicia e a catalana Ingeniería Cultural, incluindo a intervención de Francisco Rey, coordinador de museos científicos da Coruña.
O obxectivo desta actividade era o de difundir a práctica empresarial da xestión cultural en Galicia, dar a coñecer as iniciativas emprendedoras neste senso, e sobre todo servir de formación aos alumnos en prácticas do centro, que están poñendo en marcha empresas simuladas coa fin de materializar algún día un proxecto empresarial propio. En torno a dúas mesas redondas púxose en común e a debate temas como o arquivo, inventario e catalogación do Patrimonio e o estado da xestión da cultura e o turismo en Galicia desde o noso punto de vista como axentes culturais. Especialmente se fixo incidencia nas dificultades de montar este tipo de empresas e sobre todo de cómo sobrevivir no sector; tamén se subliñaron as grandes posibilidades da explotación cultural, patrimonial e turística do noso territorio.

Supuxo á vez unha xuntanza case histórica, dada a escasez deste tipo de achegamentos entre as empresas do medio, analizando frente a frente problemáticas e circunstancias comúns. Na reunión aportouse unha visión crítica pero sempre cun ánimo de positividade de cara a un futuro, dada as innovacións tecnolóxicas que se poden aplicar á interpretación dos recursos turísticos-culturais e ás novas vías de experimentación dos mesmos. Unha reflexión final é que pode e debe haber espazo para os que estamos e os que veñan, sempre coa máxima da renovación e a creatividade aplicada aos proxectos que desenvolvamos, procurando un lugar común no que o sector privado se interrelacione sen depender en exceso da empresa pública.
«« Entrada anterior || Entrada seguinte »»







Deixa o teu comentario...